lunes, 28 de marzo de 2022

Entrega de premios. V Festival Montenegro

Este pasado venres 18 de marzo tivemos a oportunidade de reunirnos na biblioteca municipal para a entrega de premios dos certames literarios do V Festival de arte e novela negra. 

A gala comezou cun breve discurso dos directivos do centro agradecendo a participación e alentando aos alí presentes a seguir participando neste tipo de actividades que realiza o instituto. Tamén tivemos o pracer de escoitar as marabillosas palabras que a poeta Yolanda Castaño dedicounos tanto aos participantes coma aos organizadores polo excelente traballo e esforzo por seguir estendendo a literatura galega. 

Despois desta introdución ao evento, os gañadores/as e finalistas do IV certame de relatos breves foron os que abriron a cerimonia de entrega de premios. De menor a maior foron pasando cada un deles a recoller o seu galardón cun gran sorriso na cara, aínda que coa máscara non puidemos ver o de algúns.

Os seguintes premiados foron os gañadores/as e finalistas do III certame de poesía; era notable a súa felicidade, malia que nalgúns casos non puidemos apreciar completamente os seus rostros.

Finalmente, e estreando categoría, os gañadores/as e finalistas do I certame de microrrelatos foron recibindo o seu premio un a un e con súbita alegría.

Igual que o resto de anos, a participación nos certames segue sendo algo do que estar orgullosos, pero sabemos que pode ir a máis; por iso queremos animar a toda a xente que nos le que o ano que ven se apunten e nos sorprendan a todos co artista que levan dentro. 

 Reseña de Pablo Pazos Parada. 2ºBach B

No hay comentarios:

Publicar un comentario