jueves, 11 de febrero de 2021

Bases III Certame Literario de relatos breves Montenegro 2021

 
III CERTAME LITERARIO DE RELATOS BREVES MONTENEGRO 2021

Xénero: relatos breves de temática negra

Convoca: IES Monte da Vila (O Grove - Galiza)

Bases:

1. O concurso está aberto a calquera persoa, establécendose as seguintes categorías:

A: 1º e 2º de ESO. 
• B: 3º e 4º de ESO e FP Básica. 
• C: Bacharelato e Ciclos formativos.
• D: Maiores 18 anos.

2. Os textos estarán escritos en galego, con letra Arial, tamaño 12, con 500 palabras como máximo. Non haberá un mínimo.

3. Deberán ser orixinais e inéditos, e inspirarse na novela Infamia de Ledicia Costas. A temática central será a soidade, a frustración, os medos, os amores (im)posíbeis. 

4. A data límite é o 15 de marzo de 2021 (ás 23:59h).

5. Os relatos enviaranse ao correo electrónico: relatosmontenegro@gmail.com. O envío constará de dous documentos: a) ficha de inscrición cos datos da persoa participante (nome e apelidos, título da obra, categoría en que participa e pseudónimo); b) outro co relato, indicando ao comezo o título da obra e o pseudónimo (sen referencia á persoa participante).

6. Premios: haberá un primeiro premio e tamén finalistas por cada categoría que recibirán un lote de libros, incluída a novela Infamia de Ledicia Costas, e un diploma acreditativo. Os relatos serán publicados.

7. Xurado: estará composto por catro integrantes, a coordinadora do festival e a escritora Ledicia Costas. O xurado resérvase o dereito de deixar deserto algún premio.

Para consultas ou dúbidas podes dirixirte ao profesorado da biblioteca do IES Monte da Vila ou ao correo electrónico relatosmontenegro@gmail.com.

Ánimo e adiante!

 

 Folla de inscrición en formato word e pdf

Accede aquí ás bases en formato pdf

domingo, 31 de enero de 2021

Bases II Certame de Poesía Montenegro

II CERTAME DE POESÍA MONTENEGRO 2021  

Xénero: poesía (verso libre ou rimado)  

Convoca: IES Monte da Vila (O Grove-Galiza) 

Bases:   

1. Pode participar calquera persoa, estabelecéndose as seguintes categorías:  

  • A: 1º e 2º de ESO.
  • B: 3º e 4º de ESO e FP Básica.
  • C: Bacharelato e Ciclos formativos.
  • D: Maiores de 18 anos. 
2. Os poemas, que deberán ser orixinais e inéditos, estarán escritos en galego, con letra Arial, tamaño 12. A extensión máxima non excederá dos 40 versos, podendo estar repartidos en varios poemas. A extensión mínima será de 4 versos. Só se aceptará un máximo de dous textos por persoa.  
 
3. Os temas deberán estar relacionados coa memoria persoal  (a infancia, histórica, oficios...), a autoimaxe e as avoas.
  
4. Os poemas enviaranse ao correo electrónico:  poesiamontenegro@gmail.com. O envío constará de  dous documentos: a) ficha de inscrición cos datos da persoa participante (nome e apelidos, título da obra, categoría en que participa e pseudónimo); b) outro cos poemas, indicando ao comezo o título da obra e o pseudónimo (sen referencia á persoa participante).
 
5. A data límite de entrega será o 28 de febreiro de 2021 (ás 23:59 min). 
 
6. A ficha de inscrición (word e pdf) e as bases pódense atopar no blog Montenegro.

      Tamén podes solicitar a ficha de inscricións na biblioteca do centro.  

7. O xurado estará composto por catro integrantes, a coordinadora do festival e escritora Marta Dacosta. O xurado resérvase o dereito de deixar deserto algún premio.  

8. Premios: haberá un primeiro premio e tamén finalistas por cada categoría. As autoras ou autores das obras seleccionadas recibirán un exemplar do último libro de Marta Dacosta, Labirinto ou memoria, asinado pola autora e un diploma acreditativo. Os textos premiados serán publicados e elaboraranse videopoemas, creados polo alumnado de bacharelato artístico. O xurado resérvase o dereito de deixar deserto algún premio.  Para consultas ou dúbidas podes dirixirte ao profesorado da Biblioteca ou ao correo poesiamontenegro@gmail.com.

 Lembra ben: A poesía non morde, aínda que ás veces debería!


domingo, 25 de octubre de 2020

Entrega premios Certames Literarios III Festival Montenegro

  

 Este pasado mércores 21 tivemos a oportunidade de reunirnos por fin para a entrega de premios do III Certame Literario Festival Montenegro.
 
 Foi unha gala canto menos estraña e diferente pero conseguimos levala a cabo grazas á axuda de todos e todas, tanto da organización coma dos asistentes.
 
Os primeiros en recibir os premios foron os gañadores/as e finalistas do I Certame de Poesía. Desde os máis pequenos ata os máis grandes notábaselles ben orgullosos dos seus logros aínda que non lle podíamos ver o sorriso por culpa da máscara.
 
 
 
 
 
Os seguintes en recibir o premio foron os gañadores/as e finalistas do II Certame de Relato Curto. A estes tamén se lles vía ben contentos, unha pena non poderlles ver ben a cara...

 
    Este ano a participación nestes dous concursos foi inmensa e así houbo casi 60 poemas e casi 60 relatos de distintas persoas. 
 
Grazas a todas as persoas que participaron e esperamos que se anime ainda máis xente xa que no fondo todos levamos un artista dentro.
 
Pablo Pazos. 1º bacharelato C.
 
Para ver máis fotos da entrega de premios podes visitar este enlace. 

domingo, 22 de marzo de 2020

Encontro de Diego Ameixeiras coas mulleres co Taller de Lectura da Biblioteca Municipal

O xoves 12 de marzo o Taller de lectura da Biblioteca Municipal cambiou o seu lugar de reunión habitual pola biblioteca do IES Monte da Vila. A ocasión o merecía xa que dentro das actividades da Semana da Novela Negra organizadas polo centro estaba a visita do escritor galego Diego Ameixeiras entre outros.


Nesta sesión tan especial as participantes do taller de lectura tiveron a oportunidade de comentar e preguntarlle ao escritor sobre a obra “Matarte lentamente” que leran semanas antes. 


A sesión estivo moi animada, tanto por parte do autor como das lectores que puideron preguntarlle sobre o libro lido e sobre o oficio de escribir. Elas estaban moi interesadas en saber como organiza o seu traballo a hora de crear unha nova novela. 


O autor explicoulles cal é o proceso de investigación e de cómo organiza o seu traballo para levar a diante a creación dunha novela. 


A conversa centrouse sobre todo na novela “Matarte lentamente”, na que o autor nos mostra unha serie de historias que se entrelazan e que nos fan reflexionar sobre a realidade social do momento. Como elas mesmas afirmaban “a vida mesma coas súas miserias e desgrazas”.

Os encontros cos autores espertan sempre un gran interese entre os lectores e supoñen un estimulo importante para o desenvolvemento da afección a lectura. Dannos a oportunidade de coñecer ao autor e de compartir con el as impresión da obra lida, así como coñecer un pouco mais a traxectoria.

Agradecer ao IES Monte da Vila este tivo de iniciativas de por en contacto aos lectores cos escritores e de contar con nós neste tipo de actividades.


Uxía Pallares

Taller de poesía con Marta Dacosta

O venres, dentro das actividades do Festival Montenegro, convidáronnos a un taller de poesía na Biblioteca, a todo o alumnado de 2º da ESO.

Cando chegamos presentáronnos á poeta Marta Dacosta Alonso e a súa obra, que recibíu ao longo do tempo numerosos premios.

En clase xa nos deran unha ficha con algunhas das súas creacións e actividades. 

Ela saudounos e propúxonos analizar a metáfora da ameixeira neste poema seu:

Había unha ameixeira ao pé
da casa árbore sempre
verde que eu recordo, e
miña nai a roubar antes de
tempo aquel certo veludo
que cegaba.

Había unha ameixeira ao pé
da casa en que eu sen saber,
souben da lingua aquela que
tiñamos agachada
aínda que sempre alí, ao pé da casa.

                (Setembro, 1998)

Tiñamos que indicar que representaba a ameixeira, coa que a poeta simboliza a lingua galega. Cada un de nós tiñamos que crear a nosa propia metáfora sobre a lingua e coas metáforas fixemos tres pequenos poemas colectivos:
            I
A lingua é a raíz,
a lingua é a árbore,
unha nena que fala,
é a chave da casa.

           II
A lingua é memoria,
a lingua é pura maxia,
é como unha enredadeira,
coma un toxo resistente.

          III
A lingua é o mar,
            a lingua é o mundo.

Este último gustoulle especialmente a Marta, porque simboliza que a lingua o é todo.

As propostas de Marta eran máis e moi interesantes, pero non tivemos tempo a rematalas; quedounos pendente por exemplo “Que non escapen os globos”, unha actividade na que tiñamos que utilizar palabras da mesma categoría gramatical para escribir un poema de oito versos.

O taller foi unha oportunidade para coñecer de primeira man a poesía.

                                                                                 Manuela Sendín Caneda

sábado, 21 de marzo de 2020

Exposición Montenegro


Debido aos precipitados acontecementos, non puidemos inaugurar a exposición do III Festival de Arte e Novela Negra, pero temos algunha imaxe, para que poidades ver o gran traballo do noso alumnado. 



Está claro que isto non sería posible sen o gran esforzo das profesoras do Departamento de Debuxo. 

Moitas grazas Celia e Josebe!!!

Encontro do alumnado con Diego Ameixeiras


Na nosa última semana de clase antes da suspensión destas polo virus, o xoves, tivemos unha charla o alumnado de primeiro de bacharelato que leu o libro A Crueldade de Abril,  de Diego Ameixeiras. En concreto lemos este libro unha clase de Volume e a clase de Debuxo Artístico.


A charla foi na biblioteca. Antes de comezar con ela Lois, o noso profesor de Lingua e Literatura Galega, presentounos ao autor e deulle paso para empezar.

Diego Ameixeiras comezou falándonos do seu traballo, a que se dedica e os seus gustos; contounos que escribiu xa máis dunha ducia de libros e que todos son do mesmo tipo, novela negra, que é o que máis lle gusta.

Centrándose na novela que nos leramos, falounos un pouco dela, de que ate facía pouco era a súa novela favorita de todas as que escribiu, pero que cando rematou a seguinte, xa lle quitou o posto a A Crueldade de Abril.

Cara o final da charla deixou un espazo para preguntas. Nós, un pouco mudos ao principio fomos soltándonos coa proximidade que mantiña o autor connosco e como el mesmo nos facía a nós preguntas!

Tamén lle contamos a exposición que fixemos sobre a súa novela, con debuxos e esculturas, explicámoslle algunhas das obras, comentámoslle algunhas das persoas que nos interesaba a escritura, e incluso ao final deunos tempo a falar un pouco da suspensión das clases.

A verdade é que sempre é unha honra coñecer ao autor da obra que les, coñecer a mente que conseguiu escribir esa novela que te cativou.

Cando os autores son tan próximos, sinceros e entretidos como  foi Diego inda é mellor!



Bábara, Casal González (1º Bac. A)