O Noso Grove
Venres 13 DE XANEIRO DE 2023
Atopan no Grove un cadáver mentres rescataban unha persoa secuestrada
O cadáver foi detectado polos cans que participaban no dispositivo de rescate
No día de onte, nunha zona de chalés deshabitados fóra da época turística, unha persoa foi rescatada do soto dunha vivenda na que permanecía secuestrada. A vítima, da que non transcenderon datos oficiais, podería ser unha muller segundo as declaracións dunha testemuña que observaba o rescate nas inmediacións do perímetro policial.
De feito, e segundo a mesma fonte, parece ser que a policía iniciou as indagacións a raíz do aviso de dúas veciñas que acostumaban a pasear pola zona e que nos últimos días non deixaban de ver uns cans ladrando sen control no exterior dunha vivenda en aparencia baleira.
O dispositivo policial iniciouse cara ás nove da mañá de onte e unha hora máis tarde foi evacuada e trasladada en ambulancia unha única persoa.
Porén, a investigación continuou ata ben entrada a tarde e foron os cans da policía, a media mañá, os que detectaron a presenza de restos humanos enterrados no eido da casa.
A forense desprazada ata o lugar falou cos medios presentes alí para comunicar que os restos, enterrados moi cerca da superficie, puideron ser o motivo do descontrol dos cans que chamaran a atención das veciñas. Os primeiros indicios e á falta dunha análise máis profunda, sinalan que poderiamos estar diante do cadáver dunha muller, probablemente asasinada.
No momento da publicación desta noticia descoñecíase a existencia de datos policiais, se ben xa se estarían investigando e analizando as primeiras probas recollidas no lugar, a fin de dilucidar se existe relación entre ambas as dúas descubertas e se é posible recoñecer a súa autoría.
O feito de que o edificio se sitúe nunha zona pola que pasa moita xente durante a época estival non fai máis que incrementar as dificultades que deberá salvar a policía para resolver o caso. A considerable distancia que o afasta do núcleo urbano, atópase no medio dun piñeiral, tampouco vai axudar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario