sábado, 6 de abril de 2019

ENTREGA DE PREMIOS CERTAME LITERARIO

A tarde do xoves 4 de abril fíxose entrega dos premios aos gañadores e finalistas dos relatos curtos baseados nos acontecementos de ‘Lúa de sangue’. O acto celebrouse na Sala de Cunchas do concello do Grove na que se espuxeron as obras realizadas polo alumnado do IES Monte da Vila, que estaban inspiradas no ambiente mariñeiro no que se desenvolve a historia de ‘A praia dos afogados’. 


As profesoras do IES Monte da Vila, Clara M. Vindel e Josebe Arrillaga Chopitea, fixeron unha pequena presentación do acto. Clara comezou recordando en que consistía e cal era o obxectivo principal do Festival Montenegro de Arte e Novela Negra e Josebe sinalou que nesta segunda edición se organizaron dous certames literarios que xiraron arredor das obras dos escritores invitados. Este festival pretende sumerxir ao alumnado nos mundos da lectura, escritura e a arte, promovendo a súa creatividade.
  
Participaron nestas dúas edicións diferentes escritores: Domingo Villar, Joe Álamo e Jon Arretxe,  ademais de personalidades relacionadas coa novela negra como é o caso de Sergio Vera. 

A celebración destes festivais fíxose posible grazas a un enorme esforzo por parte do IES Monte da Vila e o Concello do Grove, que se uniron co propósito de fomentar a cultura. 

Por parte do concello falou Pili Galiñanes, desde a Concellaría de Cultura, agradecendo o traballo do instituto e as súas iniciativas, así como a participación, tanto por parte do alumnado  como polas persoas maiores de 18 anos que tamén se animaron a escribir.

Domingo Villar tamén fixo a súa aportación nesta sesión, agradecendo ao instituto por invitalo ao festival e aos participantes polo seu esforzo. Dirixíndose a estes últimos, Domingo afirmou que as obras contaban cunha gran calidade e animounos a seguir escribindo e a facelo con paixón e sentimento. 

A sesión pechouse coa entrega de premios de relatos curtos e coa inauguración da exposición das obras feitas por alumnado de técnicas de expresión gráfico plásticas de bacharelato e por alumnado de educación plástica e visual de 4º  da ESO. 

O IES Monte da Vila xa está agardando a III edición do Festival de Novela Negra.

                                          Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A



No hay comentarios:

Publicar un comentario