sábado, 6 de abril de 2019

ENTREGA DE PREMIOS CERTAME LITERARIO

A tarde do xoves 4 de abril fíxose entrega dos premios aos gañadores e finalistas dos relatos curtos baseados nos acontecementos de ‘Lúa de sangue’. O acto celebrouse na Sala de Cunchas do concello do Grove na que se espuxeron as obras realizadas polo alumnado do IES Monte da Vila, que estaban inspiradas no ambiente mariñeiro no que se desenvolve a historia de ‘A praia dos afogados’. 


As profesoras do IES Monte da Vila, Clara M. Vindel e Josebe Arrillaga Chopitea, fixeron unha pequena presentación do acto. Clara comezou recordando en que consistía e cal era o obxectivo principal do Festival Montenegro de Arte e Novela Negra e Josebe sinalou que nesta segunda edición se organizaron dous certames literarios que xiraron arredor das obras dos escritores invitados. Este festival pretende sumerxir ao alumnado nos mundos da lectura, escritura e a arte, promovendo a súa creatividade.
  
Participaron nestas dúas edicións diferentes escritores: Domingo Villar, Joe Álamo e Jon Arretxe,  ademais de personalidades relacionadas coa novela negra como é o caso de Sergio Vera. 

A celebración destes festivais fíxose posible grazas a un enorme esforzo por parte do IES Monte da Vila e o Concello do Grove, que se uniron co propósito de fomentar a cultura. 

Por parte do concello falou Pili Galiñanes, desde a Concellaría de Cultura, agradecendo o traballo do instituto e as súas iniciativas, así como a participación, tanto por parte do alumnado  como polas persoas maiores de 18 anos que tamén se animaron a escribir.

Domingo Villar tamén fixo a súa aportación nesta sesión, agradecendo ao instituto por invitalo ao festival e aos participantes polo seu esforzo. Dirixíndose a estes últimos, Domingo afirmou que as obras contaban cunha gran calidade e animounos a seguir escribindo e a facelo con paixón e sentimento. 

A sesión pechouse coa entrega de premios de relatos curtos e coa inauguración da exposición das obras feitas por alumnado de técnicas de expresión gráfico plásticas de bacharelato e por alumnado de educación plástica e visual de 4º  da ESO. 

O IES Monte da Vila xa está agardando a III edición do Festival de Novela Negra.

                                          Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A



ENCONTRO DE DOMINGO VILLAR COAS MULLERES DO CLUB DE LECTURA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

As mulleres do club de lectura da biblioteca municipal do Grove estiveron no noso centro durante a mañá do 4 de abril para participar nun encontro co escritor Domingo Villar. 


Durante as últimas semanas as integrantes deste club estiveron lendo unha das obras do escritor, A praia dos afogados. 


O escritor foi moi cercano e todas disfrutaron da conversación. Domingo leu tres dos seus relatos breves e todas quedaron cautivadas coas súas historias e o xeito de contalas.




ENCONTRO CON DOMINGO VILLAR DO ALUMNADO DO IES MONTE DA VILA


O pasado xoves 4 de abril viviuse no instituto IES Monte da Vila unha sesión especial na que un escritor de renome dentro do panorama nacional como Domingo Villar estivo co alumnado do centro resolvendo dúbidas sobre a súa obra ‘A praia dos afogados’ e contándonos o seu percorrido e as súas experiencias ate conseguir ser escritor. 

Comezou a conferencia con diversas preguntas sobre a obra nas que o seu autor revelou que introducía pequenos compoñentes da súa vida real nas súas composicións e personaxes de cine como Rebeca Leira, sacada dunha película de Hitchcock. 

A pesar de que a obra presente de forma minuciosa o sistema de funcionamento da policía, Domingo admitiu que el non falara con ningún membro do corpo para descubrilo, pero si admitiu realizar un extenso traballo de campo en cada ámbito sobre o que escribe. 

Respecto á súa vida, Domingo Villar sempre tivo a ilusión desde que era un neno de ser escritor. Cría que tiña medios e habilidades suficientes para conseguilo, así que desde aquela dirixiu todos os seus esforzos para cumprir o seu propósito. 

Comezou a escribir discursos, artigos de revista e outra serie de escritos para cultivarse no ámbito. 

Despois fundou unha produtora cos seus amigos que chegaría a ter un gran éxito coa realización da obra de teatro ‘Dous homes sen destino’ dirixida por Álex de la Iglesia, entre outros. Despois dunha serie de acontecementos desafortunados a produtora rematou quebrando. 

Domingo Villar non cesou nos seus intentos e escribiu ‘Ollos de auga’, a súa primeira obra, que foi aceptada por unha serie de editoriais, sendo Galaxia a elixida finalmente polo escritor. 

Domingo afirma que non se imaxinaba vivir unicamente da escritura como agora e que isto é froito de moito traballo e esforzo. 

As súas obras gozan de especial recoñecemento incluso a nivel internacional. A súa obra ‘A praia dos afogados’ foi traducido a varios idiomas. 

Para alcanzar ese éxito o autor di que a clave está en escribir emocionado para así provocar ese efecto no lector, de feito, a súa última obra ‘O último barco’, volveuna a escribir de cero porque non lle gustaba o efecto que provocaba. 

O encontro rematou cun discurso de Domingo Villar dirixo ao alumnado, animándonos a facer aquilo que máis lles apaixonara sempre e cando contasen con habilidades para iso e que nunca deixaran de loitar polos seus soños. 



Moitas grazas Domingo Villar.

Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A



Vídeo de Brais Míguez de 2º bacharelato A

viernes, 22 de marzo de 2019

EXPOSICIÓN E ENTREGA DE PREMIOS

Venres 22 de Febreiro

Esta tarde moitos alumnos e alumnas e persoas do pobo, xunto con parte do profesorado, o alcalde e Joe Alámo, encontrámonos na “Sala das Cunchas” do concello para a entrega de premios do concurso literario baseado no libro de novela negra de Tom Z Stone, que previamente léramos completo ou por partes.

O primeiro é dicir que tanto os profesores, como o alcalde e o autor do libro dedicaron unhas palabras, tanto para os relatos escritos como para as obras expostas na sala contigua, das que falaremos máis tarde.

Tras isto procedeuse a presentación do libro Tom Z Stone xunto coa entrega de premios do certame e, á súa vez, a lectura dos relatos gañadores.

Todo isto fixo que moita xente se dera conta da capacidade e a arte que ten a xuventude para relatar e crear obras escritas ou plásticas.


Despois, para finalizar, os poñentes e demais asistentes desprazáronse ata a “Sala das Dornas”, onde estaban expostas as obras plásticas, neste caso libros de artista, que os alumnos realizaran baseándose en diferentes personaxes, partes ou conceptos da obra de Joe Alámo.


Reseña de María Rodríguez







                   

domingo, 24 de febrero de 2019

ENCONTROS CON JOE ÁLAMO

O venres 22 de febreiro o alumnado do IES Monte da Vila recibiu con especial gratitude ao escritor Joe Álamo, autor do libro Tom Z Stone.



Esta novela trata sobre unha historia de misterio protagonizada por un zombie ‘reanimado’ chamado Tom que investiga un caso que comeza cunha infidelidade, que levará ao protagonista ata o límite das súas capacidades e a sentirse persoa grazas á súa secretaria Mati. O peculiar desta obra é a existencia duns seres denominados “reanimados”, persoas que no día do F.R. (Fenómeno de Reanimación) volveron á vida desde a morte, coma zombies.

O autor, inglés de nacemento, centrou a súa conferencia nos seus espectadores, pois desde o Departamento de Debuxo do Centro propúxose a creación dun proxecto artístico relacionado coa súa obra, "Libros de artista". O escritor pretendeu descifrar as causas que levaron aos seus lectores a crear as súas obras e cales foron as súas fontes de inspiración.


A sesión comezou co agradecemento por parte de Joe ao instituto por convocalo e traelo até aquí (traxecto que realizou en avión, ao que lle ten algo de pánico). Admitiu que para el era unha gran honra estar alí grazas ao recoñecemento dalgunha das súas obras.

Sobre a súa personalidade e o seu camiño no mundo da escritura, Joe empezou a escribir aos 46 anos, cando unha revista publicou un dos relatos curtos que el lle mandara previamente sen moitas esperanzas de resposta. Por esta pequena publicación, Joe recibiu boas críticas polo que continuou escribindo varios relatos até que publicou as súas propias obras. A primeira delas foi O Enviado en 2007, mentres que Tom Z. Stone foi a súa terceira obra e publicouse en 2011.

Para esta última obra a editorial propuxéralle facer un libro de ‘zombies’. Joe non é un gran amante dos ‘zombies’, polo que decidiu darlles outra connotación creando o FR e representando a discriminación á que está sometida algunhas persoas sen ningunha razón, salvo os prexuízos.

A medida que se ía desenvolvendo a charla, os alumnos e alumnas describían os seus proxectos, que impresionaron consideradamente a Joe, quen quedou totalmente abraiado; durante estas explicacións Joe resolvía dúbidas do alumnado. O autor admitiu que o personaxe de Tom estaba baseado en certo modo na súa figura, pois ambos se mudaron de Londres a Valencia, gústalles ir aos bares e ademais comparten afeccións como fumar (aínda que actualmente Joe xa non fuma coma antes). Ademais, revelou que as personaxes que aparecen na novela, moitas delas, son representación dos ‘sabios dos bares’, é dicir, das típicas persoas que están na barra do bar e sempre teñen razón porque saben todo de todos os temas posibles.

Outros elementos da obra, como que a vida dos reanimados durase tan só catro anos débese á influencia que as películas provocan nel (Joe é un gran afeccionado ao cine). Neste caso eses catro anos de vida relaciónanse cos mesmos que posúen ‘os replicantes’ en Blade Runner. En relación a isto último, a vida dos nenos reanimados é máis curta debido a que Joe ten unha gran dificultade á hora de falar de nenos ou abusos, polo tanto “mátaos para non sufrir”.

Non obstante, o máis importante da súa obra, segundo el, é facer crer ao lector que Tom Z realmente pode existir e que o día do FR pode darse e, de feito, sucedeu e por iso agora estamos rodeados de zombies. Para conseguir isto o lector ten que crearse unha imaxe dos zetas, sobre todo, de Tom. Polo que o autor lle dá unha voz propia a Tom, é dicir, unha forma característica de falar, que se basea en dicir o que pensa, incluíndo tacos ou expresións malsoantes.

A pesar de que este encontro trataba sobre a obra de Tom Z. Stone, ademais de deixar claro que é un fantástico escritor, Joe Álamo, amosou os seus valores que realmente son os que o levaron a ler tanto e agora a ter éxito no ámbito da literatura e que fan del unha persoa fascinante.


Moitas grazas Joe Álamo.


Reseña de Daniel Pazos de 2º bacharelato A




Vídeo de Brais Míguez de 2º bacharelato A

jueves, 21 de febrero de 2019

DEBUXO CREATIVO CON MANEL CRÁNEO

 O xoves, 21 de febreiro, Manel Cráneo visitounos para axudarnos a expandir os nosos intereses artísticos co debuxo.

 Primeiro, deu unha clase para o Club de Lectura do Cómic sobre iniciación á banda deseñada na que Manel nos falou sobre a historia que acompaña a este tipo de ilustracións e deunos claves para poder crear as nosas propias ilustracións mellor do que o faciamos. 


Tras isto, o artista reuniuse cos alumnos de Técnicas Gráfico Plásticas para dar unha clase bastante diferente a anterior sobre Sentidos Debuxados. Esta vez os alumnos exploraron o debuxo e a imaxinación desde distintas perspectivas creativas co fin de comprender que as artes son un pilar fundamental na educación, e incluso no noso día a día, ao igual que o son as linguas e as matemáticas. Esta foi unha mensaxe que calou no alumnado nesta charla tan creativa.

Reseña de María Rodríguez de 2º Bacharelato B


Vídeo de Brais Míguez de 2º Bacharelato A


INVISIBLES. RELATOS DO MALTRATO



Invisibles :

Un día tal como hoxe, mércores 20 de febreiro,
visitounos no instituto Montse Fajardo, autora de tres libros entre os que se encontra Invisibles.

A maioría de nós entramos na sala pensando que Montse falaría principalmente do seu libro, pero foi moito máis que iso.
 

Ela explicounos como foi escribir unha obra tan sensibilizadora  e tratar coas vítimas de maltrato das que fala Invisibles e doutras.

Montse afondou nas historias ata transportarnos a esas historias de terror que moitas mulleres e nenas viven día a día.

Falounos de como non existe un perfil de muller maltratada, de como o maltrato non é só levar unha malleira, de como a muller non é sempre a única vítima dado que moitas delas teñen fillos e de como o sistema non sempre é todo o efectivo que debería ser.





 Reseña de María Rodríguez de 2º Bacharelato B



Vídeo elaborado por Brais Míguez, alumno de Imaxe e Son de 2º Bacharelato A

lunes, 18 de febrero de 2019

CERTAME LITERARIO DE RELATOS MONTENEGRO. DOMINGO VILLAR


CERTAME LITERARIO DE RELATOS MONTENEGRO 2019

Xénero: Relatos breves de temática negra baseados na nova “Lúa de sangue” (ver máis información máis abaixo).

Trátase dunha homenaxe á obra de Domingo Villar A praia dos afogados.

Convoca: IES Monte da Vila do Grove (Pontevedra).
_____________________________________________
Bases:
1.  O concurso está aberto a calquera persoa, podendo participar en calquera das seguintes categorías segundo as súas circunstancias:
•    A: 1º e 2º de ESO.
•    B: 3º e 4º de ESO e FP Básica.
•    C: Bacharelato e Ciclos formativos.
•    D: Calquera persoa maior de 18 anos.

3. Os textos estarán escritos en galego, con letra Times New Roman, tamaño 14, cun máximo de 2000 palabras.

4.  Serán orixinais e inéditos, e basearanse no suceso reflectido na nova “Lúa de sangue” que figura máis abaixo. Tamén se achega un “arquivo policial” que contén as fotos de diferentes obxectos atopados no lugar que poden (ou non) resultar relevantes de cara ao desenvolvemento do relato. É dicir, os participantes poderán usar de xeito completamente libre o suceso, as circunstancias e indicios que o acompañan.

5.  A data límite de recepción de traballos é o 20 de marzo ás 23:59h.

6. Premios: os gañadores ou gañadoras de cada categoría recibirán  un lote de libros, incluída a última novela de Domingo Villar dedicada polo autor, e un Diploma como recoñecemento aos méritos das obras premiadas. Os finalistas de cada categoría tamén recibirán un diploma acreditativo e unha obra de Domingo Villar dedicada.

7. Xurado: Estará composto por membros do corpo docente  e persoal da Biblioteca Municipal do Grove. O xurado resérvase o dereito de deixar deserto algún premio.

8. Os premios entregaranse o xoves 4 de abril na Sala das Cunchas da Casa do Concello do Grove.

9. Os relatos dirixiranse ao correo electrónico: bmontedavila@gmail.com. Enviaranse dous documentos, o de inscrición cos datos solicitados, e o relato, no que se incluirá ao comezo só o título (ningunha referencia ao autor ou autora).

Calquera consulta ou dúbida poderá dirixirse ao profesorado da biblioteca ou ao correo electrónico citado anteriormente.


jueves, 14 de febrero de 2019

II FESTIVAL MONTENEGRO



II FESTIVAL MONTENEGRO

ARTE E NOVELA NEGRA

Pimeiras Xornadas do 20 ao 22 de febreiro

Mércores 20 de Febreiro


IES MONTE DA VILA ao longo da mañá e dirixido ao alumnado de bacharelato.


Montse Fajardo: Presentación do libro e encontro coa autora do libro “Invisibles” sobre a violencia de xénero.

Xoves 21 de febrero


IES MONTE DA VILA ao logo da mañá e dirixido ao alumnado.

Manel Cráneo: Obradoiros de Ilustración en banda deseñada e Sentidos debuxados.


Venres 22 de febrero


IES MONTE DA VILA ao longo da mañá e dirixido ao alumnado.


Joe Álamo: presentación do libro e encontros co escritor da novela negra “Tom Z. Stone”

CASA DAS CUNCHAS: as 18:00


Inauguración da exposición Libros de artista coas obras plásticas feitas polo alumnado de Volume e TEGP do Instituto Monte da Vila, vinculadas á triloxía Tom-Z.

 

Joe Álamo: Encontro co autor e presentación do seu libro Tom Z. Stone.

 

Entrega de premios do concurso de relato corto FR e lectura dos relatos gañadores.