sábado, 6 de abril de 2019

ENTREGA DE PREMIOS CERTAME LITERARIO

A tarde do xoves 4 de abril fíxose entrega dos premios aos gañadores e finalistas dos relatos curtos baseados nos acontecementos de ‘Lúa de sangue’. O acto celebrouse na Sala de Cunchas do concello do Grove na que se espuxeron as obras realizadas polo alumnado do IES Monte da Vila, que estaban inspiradas no ambiente mariñeiro no que se desenvolve a historia de ‘A praia dos afogados’. 


As profesoras do IES Monte da Vila, Clara M. Vindel e Josebe Arrillaga Chopitea, fixeron unha pequena presentación do acto. Clara comezou recordando en que consistía e cal era o obxectivo principal do Festival Montenegro de Arte e Novela Negra e Josebe sinalou que nesta segunda edición se organizaron dous certames literarios que xiraron arredor das obras dos escritores invitados. Este festival pretende sumerxir ao alumnado nos mundos da lectura, escritura e a arte, promovendo a súa creatividade.
  
Participaron nestas dúas edicións diferentes escritores: Domingo Villar, Joe Álamo e Jon Arretxe,  ademais de personalidades relacionadas coa novela negra como é o caso de Sergio Vera. 

A celebración destes festivais fíxose posible grazas a un enorme esforzo por parte do IES Monte da Vila e o Concello do Grove, que se uniron co propósito de fomentar a cultura. 

Por parte do concello falou Pili Galiñanes, desde a Concellaría de Cultura, agradecendo o traballo do instituto e as súas iniciativas, así como a participación, tanto por parte do alumnado  como polas persoas maiores de 18 anos que tamén se animaron a escribir.

Domingo Villar tamén fixo a súa aportación nesta sesión, agradecendo ao instituto por invitalo ao festival e aos participantes polo seu esforzo. Dirixíndose a estes últimos, Domingo afirmou que as obras contaban cunha gran calidade e animounos a seguir escribindo e a facelo con paixón e sentimento. 

A sesión pechouse coa entrega de premios de relatos curtos e coa inauguración da exposición das obras feitas por alumnado de técnicas de expresión gráfico plásticas de bacharelato e por alumnado de educación plástica e visual de 4º  da ESO. 

O IES Monte da Vila xa está agardando a III edición do Festival de Novela Negra.

                                          Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A



ENCONTRO DE DOMINGO VILLAR COAS MULLERES DO CLUB DE LECTURA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

As mulleres do club de lectura da biblioteca municipal do Grove estiveron no noso centro durante a mañá do 4 de abril para participar nun encontro co escritor Domingo Villar. 


Durante as últimas semanas as integrantes deste club estiveron lendo unha das obras do escritor, A praia dos afogados. 


O escritor foi moi cercano e todas disfrutaron da conversación. Domingo leu tres dos seus relatos breves e todas quedaron cautivadas coas súas historias e o xeito de contalas.




ENCONTRO CON DOMINGO VILLAR DO ALUMNADO DO IES MONTE DA VILA


O pasado xoves 4 de abril viviuse no instituto IES Monte da Vila unha sesión especial na que un escritor de renome dentro do panorama nacional como Domingo Villar estivo co alumnado do centro resolvendo dúbidas sobre a súa obra ‘A praia dos afogados’ e contándonos o seu percorrido e as súas experiencias ate conseguir ser escritor. 

Comezou a conferencia con diversas preguntas sobre a obra nas que o seu autor revelou que introducía pequenos compoñentes da súa vida real nas súas composicións e personaxes de cine como Rebeca Leira, sacada dunha película de Hitchcock. 

A pesar de que a obra presente de forma minuciosa o sistema de funcionamento da policía, Domingo admitiu que el non falara con ningún membro do corpo para descubrilo, pero si admitiu realizar un extenso traballo de campo en cada ámbito sobre o que escribe. 

Respecto á súa vida, Domingo Villar sempre tivo a ilusión desde que era un neno de ser escritor. Cría que tiña medios e habilidades suficientes para conseguilo, así que desde aquela dirixiu todos os seus esforzos para cumprir o seu propósito. 

Comezou a escribir discursos, artigos de revista e outra serie de escritos para cultivarse no ámbito. 

Despois fundou unha produtora cos seus amigos que chegaría a ter un gran éxito coa realización da obra de teatro ‘Dous homes sen destino’ dirixida por Álex de la Iglesia, entre outros. Despois dunha serie de acontecementos desafortunados a produtora rematou quebrando. 

Domingo Villar non cesou nos seus intentos e escribiu ‘Ollos de auga’, a súa primeira obra, que foi aceptada por unha serie de editoriais, sendo Galaxia a elixida finalmente polo escritor. 

Domingo afirma que non se imaxinaba vivir unicamente da escritura como agora e que isto é froito de moito traballo e esforzo. 

As súas obras gozan de especial recoñecemento incluso a nivel internacional. A súa obra ‘A praia dos afogados’ foi traducido a varios idiomas. 

Para alcanzar ese éxito o autor di que a clave está en escribir emocionado para así provocar ese efecto no lector, de feito, a súa última obra ‘O último barco’, volveuna a escribir de cero porque non lle gustaba o efecto que provocaba. 

O encontro rematou cun discurso de Domingo Villar dirixo ao alumnado, animándonos a facer aquilo que máis lles apaixonara sempre e cando contasen con habilidades para iso e que nunca deixaran de loitar polos seus soños. 



Moitas grazas Domingo Villar.

Reseña de Daniel Pazos Parada de 2º bacharelato A



Vídeo de Brais Míguez de 2º bacharelato A