Esta novela trata sobre unha historia de misterio protagonizada por un zombie ‘reanimado’ chamado Tom que investiga un caso que comeza cunha infidelidade, que levará ao protagonista ata o límite das súas capacidades e a sentirse persoa grazas á súa secretaria Mati. O peculiar desta obra é a existencia duns seres denominados “reanimados”, persoas que no día do F.R. (Fenómeno de Reanimación) volveron á vida desde a morte, coma zombies.
O autor, inglés de nacemento, centrou a súa conferencia nos seus espectadores, pois desde o Departamento de Debuxo do Centro propúxose a creación dun proxecto artístico relacionado coa súa obra, "Libros de artista". O escritor pretendeu descifrar as causas que levaron aos seus lectores a crear as súas obras e cales foron as súas fontes de inspiración.
A sesión comezou co agradecemento por parte de Joe ao instituto por convocalo e traelo até aquí (traxecto que realizou en avión, ao que lle ten algo de pánico). Admitiu que para el era unha gran honra estar alí grazas ao recoñecemento dalgunha das súas obras.
Sobre a súa personalidade e o seu camiño no mundo da escritura, Joe empezou a escribir aos 46 anos, cando unha revista publicou un dos relatos curtos que el lle mandara previamente sen moitas esperanzas de resposta. Por esta pequena publicación, Joe recibiu boas críticas polo que continuou escribindo varios relatos até que publicou as súas propias obras. A primeira delas foi O Enviado en 2007, mentres que Tom Z. Stone foi a súa terceira obra e publicouse en 2011.
Para esta última obra a editorial propuxéralle facer un libro de ‘zombies’. Joe non é un gran amante dos ‘zombies’, polo que decidiu darlles outra connotación creando o FR e representando a discriminación á que está sometida algunhas persoas sen ningunha razón, salvo os prexuízos.
A medida que se ía desenvolvendo a charla, os alumnos e alumnas describían os seus proxectos, que impresionaron consideradamente a Joe, quen quedou totalmente abraiado; durante estas explicacións Joe resolvía dúbidas do alumnado. O autor admitiu que o personaxe de Tom estaba baseado en certo modo na súa figura, pois ambos se mudaron de Londres a Valencia, gústalles ir aos bares e ademais comparten afeccións como fumar (aínda que actualmente Joe xa non fuma coma antes). Ademais, revelou que as personaxes que aparecen na novela, moitas delas, son representación dos ‘sabios dos bares’, é dicir, das típicas persoas que están na barra do bar e sempre teñen razón porque saben todo de todos os temas posibles.
Outros elementos da obra, como que a vida dos reanimados durase tan só catro anos débese á influencia que as películas provocan nel (Joe é un gran afeccionado ao cine). Neste caso eses catro anos de vida relaciónanse cos mesmos que posúen ‘os replicantes’ en Blade Runner. En relación a isto último, a vida dos nenos reanimados é máis curta debido a que Joe ten unha gran dificultade á hora de falar de nenos ou abusos, polo tanto “mátaos para non sufrir”.
Non obstante, o máis importante da súa obra, segundo el, é facer crer ao lector que Tom Z realmente pode existir e que o día do FR pode darse e, de feito, sucedeu e por iso agora estamos rodeados de zombies. Para conseguir isto o lector ten que crearse unha imaxe dos zetas, sobre todo, de Tom. Polo que o autor lle dá unha voz propia a Tom, é dicir, unha forma característica de falar, que se basea en dicir o que pensa, incluíndo tacos ou expresións malsoantes.
A pesar de que este encontro trataba sobre a obra de Tom Z. Stone, ademais de deixar claro que é un fantástico escritor, Joe Álamo, amosou os seus valores que realmente son os que o levaron a ler tanto e agora a ter éxito no ámbito da literatura e que fan del unha persoa fascinante.
Moitas grazas Joe Álamo.
Reseña de Daniel Pazos de 2º bacharelato A
Vídeo de Brais Míguez de 2º bacharelato A