martes, 30 de enero de 2024

VI CERTAME LITERARIO DE RELATOS BREVES MONTENEGRO 2024




Xénero: relatos breves de temática negra

 Convoca: IES Monte da Vila (O Grove - Galiza)


Bases:

 1.  O concurso está aberto a calquera persoa. Estabelécense as seguintes categorías:

     A: 1º e 2º de ESO.

     B: 3º e 4º de ESO e FP Básica.

     C: Bacharelato e Ciclos formativos.

     D: Maiores 18 anos.

 2.  Os textos estarán escritos en galego, con letra Arial, tamaño 12, con 600 palabras como máximo e un mínimo de 100.

 3.  Os textos deberán ser orixinais e inéditos, e inspiraranse nos contidos da noticia publicada no xornal O Noso Grove titulada Aparecen restos humanos nunha praia do Grove, que acompaña estas bases.

 4.  A data límite de entrega será o 29 de febreiro de 2024 (ás 23:59 min).

 5.  Os relatos enviaranse ao correo electrónico: relatosmontenegro@gmail.com.  O envío constará de  dous documentos:

a) ficha de inscrición cos datos da persoa participante (nome e apelidos, título da obra, categoría en que participa e pseudónimo).

b) outro co relato, indicando ao comezo o título da obra e o pseudónimo (sen referencia á persoa participante).

 6.  Premios: por cada categoría haberá un relato gañador e un finalista.

Os premios consistirán nun lote de libros e un diploma acreditativo, ademais do dereito a participar gratuitamente nunha excursión a final de curso.

Os relatos serán publicados.

 7.  Xurado: estará composto por catro integrantes, a coordinadora do festival e o escritor Manuel Esteban.

O xurado resérvase o dereito de deixar deserto algún premio.

  

Para consultas ou dúbidas podes dirixirte ao profesorado da biblioteca do IES Monte da Vila ou ao correo electrónico relatosmontenegro@gmail.com.

Pulsa para descargar as bases e a folla de inscrición.

                                                                          



O Noso Grove

         

                SÁBADO 13 DE XANEIRO DE 2024

         Aparecen restos humanos nunha praia do Grove

 O Grove / M. Peña 12/01/2024 21:37 H.

 

O alumnado do IES Monte da Vila atopou onte nunha praia do Grove unha man humana mentres participaba nunha recollida de bólas de plástico nos areais do concello.


Unha das docentes alertou a Garda Civil tras comprobar o estado do membro, que presentaba signos de violencia e descomposición e que apareceu entre as crebas que o mar deixara na area.

 

Os axentes efectuaron o traslado ao Instituto de Medicina Legal de Pontevedra, onde se practicou unha autopsia. Segundo fontes da investigación, a man non tiña pegadas dactilares, o que fai pensar que foron borradas intencionadamente para dificultar a identificación da vítima. Ademais, presentaba unha tatuaxe dun ollo dentro dun triángulo, un símbolo asociado a sociedades secretas e ocultistas.

 

A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer a orixe dos restos humanos.